Presentación de Perdemos o tren, de Manuel Monge

A Manuel Monge Perdemos o trensegunda feira, luns, 9 de febreiro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro Perdemos o tren. As claves políticas do atraso, de Manuel Monge, publicado pola editorial Difusora.
Tras ter analizado en diferentes ensaios a realidade galega, o autor achéganos o seu último traballo sobre os camiños de ferro en Galiza. Ao finalizar o acto, asinará exemplares das súas obras a quen así o desexar. A entrada é libre.

Galiza perde o tren –teremos un tren de alta velocidade de conexión coa Meseta case trinta anos despois de que o AVE chegase a Sevilla– porque así o decidiron os sucesivos gobernos do estado e non pola nosa climatoloxía, orografía, dispersión da poboación ou dificultades técnicas. As liñas Ourense-Vigo e A Coruña-Ferrol quedan para despois de 2021 e non temos tren de proximidade.
Non se pode entender este atraso sen analizar as súas raíces: a decisión política que toma o Goberno de Felipe González en 1993 coa aprobación do PDI, que deixa Galiza fóra da alta velocidade e as decisións que toma o Goberno de Aznar desde 1996 proxectando para Galiza un tren de terceira categoría. Esa vontade política reflíctese nos Orzamentos do Estado onde as partidas para o tren galego son practicamente inexistentes até o ano 2002. Foron as concorridas e exemplares mobilizacións cívicas que protagonizou a sociedade galega despois da catástrofe do Prestige as que cambiaron o rumbo e forzaron a aprobación do chamado Plan Galicia, que cambiou radicalmente os proxectos ferroviarios.
O libro recolle a pouca credibilidade dalgúns gobernantes que durante anos mantiveron o ano 2006 como referencia para a chegada da alta velocidade, despois o 2010, despois 2012, despois 2015, e despois… nin se sabe, enganando á cidadanía galega co único obxectivo de conseguir máis votos.
Soportamos durante anos numerosas promesas e mentiras apoiadas en campañas de propaganda pagadas pola Xunta e o goberno. Os acordos do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados foron sistematicamente incumpridos ou boicoteados. Hai que acabar con esta farsa.