Presentación de Dun lago escuro, de Marta Dacosta

AMarta Dacosta Dun lago escuro segunda feira, 23 de febreiro, ás 20:00 horas, preséntase Dun lago escuro, de Marta Dacosta, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participa Yolanda Castaño.

A nadadora é a metáfora das mulleres e homes que atravesamos un lago escuro como o tempo que vivimos. A nadadora, de costas, fixa a súa atención na luz do ceo, prefire ignorar que por baixo da tona da auga hai un fondo escuro en que podrecen os cadáveres, en que se ocultan as verdades pestilentes. Este poemario é unha reflexión aceda sobre a implicación e a aceptación, sobre o descoñecemento e o desinterese. Os poemas do libro fálannos da mentira, do dano, da descomposición social. As imaxes, surrealistas, como soños xeroglíficos, anúnciannos a realidade. E a auga é auga sólida sobre a que transitamos en equilibrio, torrentes de auga para varrer o refugallo que nos inunda; augas quietas que nos afogan. Existe a verdade? Quen e como a constrúe? Ou vivimos na mentira dunha realidade aparente?
A obra obtivo o Premio Johán Carballeira 2013.”

Presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, o 20 de decembro

A sexta feira, 20 de decembro, ás 20:00 horas, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais, nun acto que contará coa presenza do autor.
“A dialéctica social do ser humano, actuando secularmente no seu contorno, foi creando as comunidades nacionais, que se procuran e se recoñecen na experiencia da súa propia historia. O nacemento da moderna conciencia nacional galega, no século XIX, está estreitamente vinculado á elaboración do discurso histórico, que ao mesmo tempo é resultado da existencia da nación e elemento axente da súa configuración. Desde aquela altura ata hoxe o acervo historiográfico foise incrementando en cantidade e calidade científica, tanto en obras globais como en monografías, de divulgación ou especializadas. Focalizada desde unha perspectiva na que Galicia constitúe o seu propio centro, e cunha clara intención divulgativa, esta Historia de Galicia de Anselmo López Carreira recolle e sintetiza as achegas proporcionadas polo conxunto de historiadores que ofrecen ao país unha imaxe coherente de si mesmo e pretende ser un elemento útil na construción desta comunidade de convivencia que é a nación galega.”

Presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O mércores 24 de abril, ás 20:00 horas, presentamos o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Ermitas Valencia e Manuel Bragado.
“De xeito desenfadado e mediante anécdotas, neste libro práctico ofrécense consellos para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social. Este libro é útil para un público diverso, interesado na lingua nosa, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.”